ELC3 in the journal of the University of Vigo

 

O alumnado de Vigo e Santiago é o encargado da organización dun congreso internacional

Os estudantes de posgrao toman as rendas do futuro da investigación en lingüística inglesa

A abeiro da rede de investigación ELC, que aglutina aos especialistas deste eido en Galicia

M. Del Río | Vigo
Os estudantes de posgrao de lingüística inglesa de Galicia toman as rendas unha vez máis para organizar a terceira edición do Congreso Internacional de Posgrao sobre Lingua e Cognición, ELC3, que se celebrará o vindeiro mes de setembro en Santiago de Compostela. Os organizadores agardan a participación de arredor de 150 investigadores e estudantes de diversos lugares do mundo, e teñen xa confirmada a participación de varios conferenciantes plenarios de universidades nacionais e internacionais.

O ELC3 ten como obxectivo proporcionar ao estudantado de posgrao de lingüística inglesa e ciencias cognitivas, psicolingüística en concreto, a oportunidade de presentar e discutir as súas investigacións nun ambiente informal e estimulante. Por este motivo o evento, que vai pola súa terceira edición, está organizado directamente polos estudantes de posgraos dos departamentos de Inglés de ambas universidades que abren as fronteiras para recibir compañeiros de calquera país.

O congreso celebrarase os 21 e 22 de setembro en Santiago e nel terán cabida traballos sobre o estudo da linguaxe e a comunicación en campos tan diversos como a “gramática e a morfosintaxe, lingüística histórica, sociolingüística, psicolingüística, oralidade, desordes lingüísticas, análise do discurso, pragmática, lexicoloxía e semántica, lingüística de corpus e contrastiva, lingüística aplicada á ensinanza de primeiras e segundas linguas, adquisición lingüística, etc.”, segundo explica Javier Pérez Guerra, investigador principal do grupo vigués Variación lingüística e categorización textual, un dos cinco integrados no Círculo de Lingüística Inglesa.

A rede prepara as estratexias do 2012

O congreso organízase co apoio da rede de investigación Círculo de Lingüística Inglesa, constituída en decembro de 2006 coa implicación de cinco grupos de investigación vigueses e santiagueses. Na actualidade forman parte do ELC 80 membros, a maioría dos especialistas en lingüística inglesa de ambas institucións, así como un amplo grupo de investigadores e investigadoras da área de Psicoloxía Experimental que traballan en ámbitos aplicados como o bilingüismo, o autismo ou o manexo de emocións.

ELC ocupa unha posición destacada dentro das unidades de investigación competitivas do SUG, pois acadou financiamento ininterrompido da Dirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica en todas as convocatorias ás que concorreu en 2006, 2008 e 2011. Os seus membros reuníronse recentemente na Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo para planificar as súas liñas de actuación para este ano. Ademais do congreso de posgrao, continuarán desenvolvendo accións de difusión da súa actividade investigadora e formativa entre o alumnado de grao e posgrao do SUG a través de seminarios de investigación como o que se celebrará no mes de marzo en Vigo.

Balance de cinco anos de traballo

A rede xira arredor da cognición humana e a súa interrelación con ámbitos diversos como o bilingüismo, a adquisición de primeiras e segundas linguas, a variación morfosintáctica e o cambio lingüístico, a prevención de trastornos da fala, etc. Dende a súa constitución as actividades plasmáronse na organización de varios simposios nacionais e internacionais; nun importante labor de formación de doutores con 15 teses defendidas nos últimos cinco anos; na obtención de numerosos proxectos nacionais e europeos; nunha forte presenza da rede en consorcios e redes internacionais; así como na colaboración con empresas e institucións para levar a cabo estudos sobre aspectos como os procesos de verificación do nivel de inglés das universidades españolas, por encargo do British Council, ou o deseño e construción dun corpus de aprendices de español, por encargo do Instituto Cervantes.

Baixo a coordinación de Teresa Fanego, no ELC traballan cinco grupos de investigación, dous vigueses dirixidos por Javier Pérez Guerra e Rosa Alonso, e tres composteláns coordinados pola propia profesora Fanego, Ignacio Palacios e Isabel Fraga.

[Source: Diario da Universidad de Vigo]

Comments are closed

Sorry, but you cannot leave a comment for this post.

News »

Conference update

As you already know, our conference will take place in two weeks time and we are looking forward to your arrival in Santiago de Compostela. Here is some useful information...

 

Registration is now open

We would like to remind you that registration for the ELC3 is already open. Please check the details in the section “Registration”.